top of page

A cidade de Pontevedra, malia a súa reducida extensión, conta cunha serie de espazos concretos onde podemos gozar do graffiti e deleitarnos coa experiencia visual que supón. Estes lugares son os denominados focos, é dicir, aqueles espazos de maior concentración de pezas  que, neste caso, corresponden coas zonas de Campolongo, A Xunqueira e Mollabao.

 

Á marxe destas localizacións, o certo é que a cidade alberga unha grande cantidade de tags, pezas e murais de incuestionable calidade estética e comunicativa, mais tamén é certo que, actualmente, os movementos que se están a producir dan mostra da saturación que presenta a Boa Vila. Neste sentido, e ante a falta de espazos reais para pintar, a dinámica é a de buscar muros situados fóra do núcleo urbano, como así sucede, por exemplo, cos das obras das infraestruturas ferroviarias. Outra das situacións que podemos observar é a tendencia a pintaren rótulos e fachadas de establecementos comerciais con spray, mais desta volta consideramos que este tipo de accións responden a intereses comerciais por parte do empresariado, e por tanto, afástanse da pragmática discursiva do graffiti. 

 

Con todo, a presenza da cultura urbana segue latente debido á celebración de jams (o “Apadriña un little”) e ós obradoiros de graffiti incluídos no programa de Noites Abertas, iniciativas que sen dúbida achegan unha recepción positiva da imaxe tan danada do graffiti e que, consecuentemente, e dalgunha maneira, pretenden mostrar e ensinar que o graffiti é arte.  Así mesmo, resulta moi interesante o festival Surfing the Lérez. Neste 2015, malia non haber actividades relacionadas co graffiti, celebrou a súa quinta edición e por segundo ano consecutivo desenvolveuse na Illa das Esculturas. A súa programación presenta unha oferta enormemente diversificada e orientada a todos os públicos na que se inclúe un obradoiro de graffiti. Igual de atractiva resulta a iniciativa da Concellería de Xuventude "Artistas na rúa", que se celebrou este ano por primeira vez na Praza da Ferrería. O obxectivo do evento pretendía amosar en directo o proceso de creación da obra artística, integrada por diferentes manifestacións como a performance, a fotografía, a intervención, o tear e o graffiti. Con todo, haberá que agardar un tempo prudencial para observarmos se todas estas iniciativas e celebracións conseguen mudar a perspectiva da poboación cara unha recepción positiva. 

 

Así pois, e aínda que a situación dista moito da de outras cidades como Vigo e Ourense – onde si podemos falar de tendencias e mesmo de escola –,  a realidade que temos ante os nosos ollos é a dunha cidade que, grazas á mestría dos grafiteiros, está en constante renovación, buscando solucións e alternativas  –como as que ofrece o posgraffiti– e abríndose ó mundo. Porque o graffiti, ó igual que a música, é un idioma universal.   

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

bottom of page